 |
A
Real Filharmonía de Galicia
naceu publicamente o 29 de febreiro de 1996 cun concerto dirixido
polo entón titular, o mestre alemán Helmuth
Rilling. Dende aquela, convertida no eixo fundamental das
temporadas estables e en protagonista de novos ciclos dentro
da programación deste centro cultural, tivo á
fronte, ademais do mestre Rilling e do seu segundo director,
o compostelán Maximino Zumalave, a directores invitados
como os españois García Navarro, Odón
Alonso, Enrique García Asensio, Edmon Colomer, Pedro
Alcalde, e internacionais como Sir Neville Marriner, David
Shallon, Jeffrey Kahane, Gilbert Varga, Leopold Hager, Kryzstof
Penderecki, Christoph Poppen, Jan Latham-Koenig, Antonio Florio
e Sir Peter Maxwell Davies, entre outros.
Como solistas, presentáronse
coa RFG, entre outros, os violinistas Frank Peter Zimmermann
e Ulrike-Anima Mahté, o violonchelista M. Rostropovich,
a mezzosoprano Teresa Berganza, os pianistas Alicia de Larrocha,
Tzimon Barto, Nikolaus Lahusen, Jeffrey Kahane, Rudolf Buchbinder,
Robert Levin, Joaquín Achúcarro, Katia e Marielle
Labèque, Evgeni Koroliov e György Sebök e
o frautista Jean-Claude Gérard.
Tras eventos de consolidación como os debuts de 1996
no Auditorio Nacional en Madrid, e de 1997 na Coruña,
Valencia e León, a Real Filharmonía
de Galicia -aínda sen cumpri-los dous primeiros
anos de existencia- saíu en xaneiro do 98 á
conquista dos esixentes públicos alemán e austríaco,
nunha primeira xira internacional realizada con Helmuth Rilling
e o coro Gächinger Kantorei de Stuttgart. As Estacións
de J. Haydn e O Mesías de Haendel (versión W.
A. Mozart) foron interpretados ante máis de 7.000 espectadores.
No peche da xira, a Real Filharmonía
de Galicia constituíase na primeira orquestra
española en actuar no Grosses Festspielhaus de Salzburgo
durante a tradicional Semana Mozart. A prensa alemana, austríaca
e española reseñou amplamente estes triunfos:
"A orquestra española utilizou o seu debut en
Stuttgart para demostrar unha substancial articulación,
elegancia no son das cordas e gráciles escenas nos
ventos" (Stuttgarter Nachrichten). "A Real Filharmonía
fai historia" (El Mundo). "O éxito dos galegos
foi incuestionable
" (J. A. Vela del Campo, El País).
En marzo do 98 comezaron
a gravar con Rilling as sinfonías completas de Franz
Schubert para a prestixiosa compañía discográfica
Hänssler Classic. Este proxecto culminou coa saída
ó mercado dos dous primeiros CD coas Sinfonías
nº 1, 2, 3 e 4.
En xullo, baixo a dirección de Zumalave, a orquestra
actuou no marco da Expo-98 de Lisboa. En agosto inaugurou,
co Mesías de Haendel (versión Mozart), a primeira
edición do Compostela Millenium Festival, concerto
ofrecido na Catedral de Santiago ante máis de 2.000
persoas.
No mes de xaneiro
do 99 realizou a súa segunda xira internacional, na
que interpretou o Elías de Mendelssohn no Auditorio
Nacional de Madrid, como parte do ciclo "Orquestas del
Mundo" de Ibermúsica, e no Festival Europeo da
Música de Stuttgart. O altísimo nivel acadado
pola orquestra, coro e solistas converteu a interpretación
do oratorio do compositor alemán en inesquecible e
altamente eloxiado pola crítica internacional.
Ademais a RFG foi unha das orquestras invitadas do XXIV Festival
Internacional de Música de Segovia, do Festival Internacional
de Música de Galicia e, na II Edición do Compostela
Millenium tocou baixo a batuta de Sir Neville Marriner na
Catedral de Santiago.
A Real
Filharmonía afronta unha nova temporada
tendo á súa fronte como titular ó mestre
catalán Antoni Ros Marbà, e dentro do seu traballo
cotián segue enriquecendo o seu variado repertorio,
que vai de Bach á actualidade con énfase sobre
autores do clasicismo vienés, e asumindo plenamente
a súa responsabilidade de dar saída a obras
de compositores galegos, de varios dos cales protagonizou
estreas absolutas.
Ademais de estar incorporada á firme tradición
de 11 anos dos "Concertos Didácticos para Xoves"
que ofrece o Auditorio ós colexios e institutos galegos,
a orquestra ten a tarefa de protagonizar, cada agosto, o ciclo
de música española co que o Auditorio de Galicia
se suma á celebración de "Música
en Compostela", o curso internacional de música
máis antigo de España. A isto deben engadirse
a organización e interpretación do ciclo "Abertos
de Cámara".
Os obxectivos da
Real Filharmonía de Galicia vense reforzados
coa Escola de Altos Estudios Musicais, proxecto pedagóxico
de formación de músicos de alto nivel baixo
a xestión do Instituto Galego das Artes Escénicas
e Musicais (IGAEM).
Antoni
Ros Marbà, director
 |
Naceu
en Barcelona, comeza a formarse musicalmente no Conservatorio
Superior de Música desa mesma cidade. Estudiou dirección
de orquestra con Eduard Toldrá en Barcelona, con
Sergiu Celebidache na Academia Chiggiana de Siena e Jean
Martinon en Düsseldorf, onde obtivo o Primeiro Premio
de Fin de Curso.
En 1966, ó
ser fundada a Orquestra Sinfónica da RTVE en Madrid,
consegue por oposición, a praza de Director Titular.
Ese mesmo ano, élle concedido o Premio Internacional
do Disco Arthur Honegger pola súa gravación
das Sete Palabras de Cristo de Haydn.
En 1967 foi nomeado
Director Titular da Orquesta Ciutat de Barcelona, en 1978
Director Musical da Orquesta Nacional de España,
e en 1979 Principal Director Invitado da Orquestra de Cámara
Neerlandesa, da que será, posteriormente, Director
Titular.
En 1978 debutou, invitado polo Mestre Herbert von Karajan,
en Berlín coa Orquestra Filharmónica, orquestra
que dirixirá de novo en 1982. No campo sinfónico,
tamén obtivo notables éxitos dirixindo as
orquestras máis importante de Francia, Inglaterra,
Suíza e Italia e nos principais centros musicais
de América, Xapón e China.
Durante as últimas
temporadas o mestre Ros Marbà
dirixiu con frecuencia orquestras españolas como
a Orquesta Nacional de España, Orquesta Sinfónica
de Barcelona, Orquesta Nacional de Catalunya, Orquesta Sinfónica
e Coro de Radio Televisión Española, Orquesta
Sinfónica de Tenerife, Orquesta de Valencia, sen
deixar de acudir ás súas citas anuais con
orquestras alemanas e dos Países Escandinavos.
Como director
de ópera, destacan os seus éxitos nas obras
de Mozart: Don Giovanni, Così fan tutte, As vodas
de Fígaro e A frauta máxica; Strauss: Elektra
e Salomé; Verdi: Falstaff e Otello; Puccini: La Bohème
e Madama Butterfly; Rinaldo de Haendel; Wozzeck de Berg;
Carmen de Bizet e O Holandés Errante de Wagner; Iphigenie
en Tauride de Gluck e Der Freischütz de Weber.
Hai que destaca-la
súa dirección de: Salomé, no Gran Teatre
do Liceu de Barcelona, Carmen no Teatro Lírico Nacional
La Zarzuela de Madrid, e a primeira producción mundial
da ópera The Duenna de Robert Gerhard en ámbolos
teatros.
Antoni
Ros Marbà gravou para Auvidis, Doña
Francisquita, Bohemios, La Verbena de la Paloma e Goyescas.
Así mesmo a súa orquestración e gravación
con Victoria de los Ángeles, de Canciones de Mompou,
está considerada coma unha das mellores existentes
no mercado internacional sobre temas de música española.
Foille concedido
o Premio Nacional de Música, galardón que
outorga o Ministerio de Cultura e a Creu de Sant Jordi outorgada
pola Generalitat de Catalunya.
En agosto de 1995
dirixiu a Royal Philharmonic Orchestra nos Festivais de
Santander e Perelada. En maio e xuño do 96 dirixiu
The Duenna de R. Gerhard para Ópera North en varias
cidades inglesas. En outubro dirixiu Idomeneo para a Scottish
Ópera de Glasgow e Edimburgo, producción que
obtivo o premio Barclays Theatre Award en 1997. En outubro
de 1997 dirixiu a adaptación á ópera
por A. García Abril da obra de D. Ramón María
del Valle-Inclán Divinas Palabras, que obtivo un
gran éxito.
O Mestre Ros
Marbá dirixiu a primeira gravación
mundial da ópera La Dolores de Tomás Bretón
coa Orquestra Simfónica de Barcelona i Nacional de
Catalunya.
Na pasada temporada
dirixiu Don Carlo de Verdi no Teatro de La Maestranza de
Sevilla, Parsifal de Wagner no Liceu, Il Trittico de Puccini
na Ópera de Oslo e The Turn of the Screw de Britten
no Teatro de la Zarzuela de Madrid.
En outubro de
1999 dirixiu Don Giovanni de Mozart en Las Palmas de Gran
Canaria e en decembro The Makropoulos Case de Janacek no
Gran Teatre del Liceu de Barcelona. Entre os seus futuros
proxectos cabe destacar, Goyescas no Teatre del Liceu e
Teatro Real de Madrid, e Billy Budd tamén no Liceu.
|