Volver á páxina principal

GUÍA DIDÁCTICA DE   
"A MOTA DE PO"
   

 

A mota de po
Guía didáctica

Real Filarmonía de Galicia
Marzo 2004

 

PRESENTACIÓN

         Esta Guía Didáctica está pensada como material de apoio para a preparación da asistencia ó concerto didáctico e posterior aproveitamento do mesmo. O concerto, programado pola orquestra Real Filharmonía de Galicia, consiste na interpretación do conto musical A mota de po, obra composta por Fernando Palacios, e está destinado a alumnado de 2º e 3º ciclos de educación primaria.

            O concerto, tal e como quedou dito, consistirá na interpretación do Conto musical A mota de po na súa versión para orquestra clásica (Corda,1 pícolo, 1 frauta, 1 oboe, 1 corno inglés, 1 clarinete, 1 clarinete baixo, 2 fagotes, 2 trompas, 2 trompetas, 1 percusión) e textos en idioma galego. Ademais da orquestra, intervirán un clarinete solista, un narrador e un grupo de nenos e nenas participando na representación deste conto.

            Con anterioridade á execución da obra, farase por un lado, unha pequena análise dalgúns dos fragmentos musicais en relación cos textos e situacións creadas a partir deles e, polo outro, un tratamento do clarinete como instrumento solista que é. En total o acto abarcará uns 50 minutos.

            Para acadar un mellor aproveitamento deste concerto, aconséllase recordar na aula, con anterioridade á asistencia ó mesmo, unha serie de aspectos a ter en conta no momento de participar como público neste espectáculo:

  • Para disfrutar da música hai que manter unha atención constante. Neste concerto, a compoñente visual está moi presente dado que figura en escena unha representación pseudo-teatral a cargo dun grupo de nenos e nenas, aspecto debido ó cal, é preciso reforzar a compoñente auditiva. O alumnado debe ser consciente de que; oir é algo involuntario e de que, escoitar, é outra cousa na que a atención xoga un papel determinante.
  • A música constrúese sobre o silencio. Calquera circunstancia allea á propia música afecta significativamente os resultados previstos. Comentarios entre compañeiros/as, sinais horarios de reloxos, … teñen unha incidencia negativa evidente.
  • Durante o concerto cada un ten o seu papel. O director, músicos e solista da orquestra e o grupo de nenos e nenas teñen a misión de facernos chegar as ideas musicais e escenográficas escritas polo compositor. O presentador, no caso dun concerto didáctico, favorece a comunicación orquestra-público. Nós, o público, debemos ter unha correcta predisposición: puntualidade, atención, silencio, actitude receptiva, … Non é mellor nin peor que un concerto de música popular, jazz, rock, techno, … senón un espectáculo diferente con distintas pautas e roles a desempeñar.

            Esta Guía Didáctica queda estructurada con esta Presentación á que lle siguen os apartados de Propostas didácticas e Bibliografía e discografía e Anexos.

            Como complemento ó contemplado nesta Guía, pode realizarse unha posta en común da actividade realizada, o afondamento nalgúns aspectos descubertos despois de ter acudido ó concerto, a avaliación do traballo feito, … poden ser de vital importancia para concluir de xeito satisfactorio o noso proxecto.

        

PROPOSTAS DIDÁCTICAS

OBXECTIVOS DIDÁCTICOS

            Tendo en conta as características da obra que se vai por en escena e as do alumnado a quen vai dirixida, plantéxanse os seguintes obxectivos didácticos:

Realizar audicións de pezas musicais e/ou fragmentos de obras analizando os elementos musicais nas mesmas. Recoñecer nunha audición os rexistros e timbres de instrumentos máis relevantes. Crear textos adaptados a músicas dadas. Explorar as posibilidades de representación dramática do corpo e de diversos materiais en canto a realización de actividades de expresión corporal. Realizar creacións individual e/ou grupalmente que conteñan unha linguaxe e códigos dramáticos axeitados: personaxes, tema, argumento, espacio escénico e tempo dramático. Desenvolver capacidades relativas á expresión e percepción artística, prestando especial atención ás actuacións en vivo, sexa en compaña do profesorado e dos seus compañeiros de clase ou da súa familia.

 

CONTIDOS

            Conceptuais:

A audición musical. Elementos constitutivos do sonido: duración, intensidade, timbre e altura. Exploración e manipulación de materiais cara á creación de instrumentos sonoros. Exploración, ilustración e creación de situacións dramáticas.

            Procedimentais:

Análise dos elementos musicais a través dunha audición. Relación de fragmentos musicais con outras formas de expresión artística Creación de textos acordes a situacións e músicas dadas. Recreación de historias para contar e dramatizar.

            Actitudinais:

Valoración da rigurosidade, da claridade e do orde nas creacións artísticas. Valoración do corpo e das súas posibilidades de representación como vehículo de comunicación e expresión. Disfrute do traballo, tanto individual como grupal, na elaboración de creacións artísticas. Respeto polas normas de participación en audicións musicais, tanto gravadas como en directo, e nas manifestacións artísticas en xeral. Valoración do silencio.

 

 

ACTIVIDADES

Actividades previas

            Tendo en conta que o programa deste concerto consiste na interpretación dun conto musical, considérase oportuno que, como conto que é, para ser presentado moito mellor en vivo. Como consecuencia do anteriormente exposto, o traballo previo na aula se verá reducido a realización dunha actividade e ó tratamento daquelas indicacións que, como mestres e mestras, sempre damos ó noso alumnado respecto ó comportamento que se debe manter durante a asistencia a espectáculos deste tipo.

O clarinete: ¿qué sabemos?

            Nesta actividade proponse o estudio do clarinete, cada quen na medida que estime conveniente. Poden ser tratados aspectos como a producción de son, a súa evolución desde o chalumeau do século XVII, a súa inclusión e diferentes agrupacións musicais, morfoloxía, intérpretes, o repertorio de referencia ... En relación a este último punto débese realizar a audición na aula de, polo menos, os dous primeiros dos fragmentos orquestrais con clarinete a solo que a continuación de relacionan:

G. Gershwhin           Rhapsody in blue                               (Introducción)

W.A. Mozart             Quinteto para clarinete K581            (I mov. Allegro)

C. Debussy                Rapsodia para clarinete                      (Introducción)            

Durante a interpretación de A mota de po, hai dous momentos nos que van soar de seguido tres pequenos fragmentos das músicas indicadas anteriormente. Isto terá lugar, nunha primeira ocasión, ó remate do conto na súa parte con narración e, xa como segunda vez, no rememate definitivo do concerto. Debe porse en antecedente ó alumnado da aparición destes pequenos fragmentos durante a interpretación do concerto de xeito que, ó remate do mesmo ou durante a primeira clase, poidan explicar en que momento do transcurso da obra, puiderannos escoitar.

 

Actividades a realizar durante o concerto

Atención a este son

            . É moi posible que, dependendo da actitude mostrada polo público, e como axuda á proposta plantexada na actividade anterior con respecto ós tres fragmentos indicados, o presentador convide ó mesmo a estar expectante para que, no momento de escoitar estas músicas, realice un determinado xesto.

Actividades posteriores

Recordatorio

            De volta na escola, é aconsellable realizar un recordatorio do presenciado no concerto plantexando as seguintes cuestións, e realizando unha análise dos aspectos relacionados coas mesmas:

            a) ¿Quen dirixe a obra no escenario?      O papel do director

            b) ¿Qué formación instrumental interpreta a obra?

            ¿Qué instrumentos interveñen?

            Con respecto ós instrumentos ¿Podes escoitar algún na interpretación da gravación da obra en versión de orquestra sinfónica que non estaba presente na interpretación en directo a cargo da Real Filharmonía de Galicia?

            ¿En que momentos ocurre?

            c) ¿Cal é a función dos rapaces e rapazas que actúan no escenario?

            ¿Qué personaxes representaban durante o concerto?

            d)  ¿Cal é o papel do solista na obra?

Esta situación con ...

            Nesta actividade proponse a relación dunha obra pictórica ou escultórica con cada un dos ambentes e/ou personaxes presentes en A mota de po . Para iso o alumnado pode facer uso da selección de pinturas presentes no anexo deste documento, ou ben realizar as súas propias propostas a partir doutras obras escollidas por eles mesmos con ou sen axuda dos mestres como actividade de aula, ou con axuda de pais e nais como actividade a desenvolver nas súas casas. (Neste último caso deberiase contar coa gravación da obra)

            Outra posibilidade consistiría en que o propio alumnado elabore os seus debuxos para ilustrar estes mesmos ambentes e/ou personaxes.

A nosa representación de A mota.

            Depois de asistir á representación deste conto musical, o alumnado pode estar en disposición de imitar o visto, ou, mellor aínda, realizar a súa propia proposta na que se poidan integrar elementos relacionados coa audición, dramatización, expresión plástica (preparación de decorados, vestiario e atrezzo), e expresión verbal (o conto podería ser narrado polo alumnado simultáneamente coa música presente no CD dado como referencia na discografía, na versión de música sen texto).

            Para a representación deste conto existen diversas opcións: monicreques, teatro de sombras, dramatización, ... e as pinturas seleccionadas na actividade anterior, poden ser proxectadas sobre tea branca e usada como fondo.

O meu clarinete

            Na interpretación de A mota de po hai un instrumento cargado dun protagonismo evidente: o clarinete. Partindo deste feito, proponse a construcción de clarinetes. Durante a asistencia ó concerto vanse dar indicacións de cómo facelo e, en calqueira caso, pódese acudir á bibliografía citada no correspondente apartado.

            Unha vez contruídos os instrumentos, pódese propor a realización de actividades tipo: emisión de son, imitación cos clarinetes de esquemas rítmicos realizados pola mestra ou mestre, exercicios de afinación ordenando os clarinetes de grave a agudo según o son resultante de tapar todos os buracos, ... e en xeral a calquera idea aportada polo alumnado despois de contestar á pregunta: ¿Qué máis podemos facer con estes instrumentos?

AVALIACIÓN

      A avaliación do proxecto será realizada mediante a análise das enquisas que serán entregadas ó profesorado o mesmo día do concerto didáctico.

            Esta avaliación céntrase sobre dous aspectos, que aínda que moi relacionados, se diferencian en canto ó seu ámbito de concreción.

a)    Posta en escea do espectáculo “A mota de po”

Neste apartado analízanse dous aspectos:

            O grao de adaptación do concerto didáctico con relación ós obxectivos fixados.

            O plantexamento do concerto, a súa calidade, o seu valor educativo, a relación con respecto á guía didáctica, ... , serán aspectos a analizar moi detalladamente, en vistas á súa posterior mellora.

            A actitude do público ante o espectáculo ó que asisten.

Aspecto de grande importancia xa, que en caso de obter unha correcta actitude por parte do público, estase acadando un dos obxectivos de maior importancia neste proxecto.

b)    Guía didáctica.

            Como o corpo das actividades deste proxecto, realízanse con posterioridade á asistencia ó concerto e éste ten lugar xa moi preto do remate do segundo trimestre, a avaliación da guía didáctica debe efectuarse hacia finais do terceiro trimestre.

            Sen dúbida algunha, coa realización destas actividades posteriores, comprobarase ata que punto o proxecto tivo incidencia na vida escolar.

            No momento de avaliar a guía didáctica deben terse en conta os seguintes aspectos:

            a adecuación dos seus contidos e obxectivos.

            diseño das actividades para a consecución dos obxectivos didácticos propostos.

            a relación desta guía co ofrecido no concerto, ...

            a adecuación conforme ás necesidades ou aspectos de difícil ou imposible tratamento na escola.

            Entendendo que esta guía didáctica é unha proposta aberta, queda baixo responsabilidade do mestre de música a elección dos criterios de avaliación que se van a aplicar, tendo en conta sempre a súa programación de aula e o enfoque expresivo-comunicativo do que se parte.

            Pode resultar de grande interés, o plantexamento dun proceso de autoavaliación tanto por parte do alumnado como por parte do profesorado

BIBLIOGRAFÍA

ATLAS DE LOS INSTRUMENTOS MUSICALES, Alianza, Madrid, 1999.

DICCIONARIO AKAL/GROVE DE LA MUSICA, Akal, Madrid, 1993.

DICCIONARIO HARVARD DE MUSICA, Alianza, Madrid, 1997.

MURRAY SCHAFER, R. “El nuevo paisaje sonoro”, Ed. Ricordi, Buenos Aires, 1969.

MURRAY SCHAFER, R. “El rinoceronte en el aula”, Ed. Ricordi, Buenos Aires, 1975.

MURRAY SCHAFER, R. “Hacia una educación sonora”, Pedagogías Musicales Abiertas, Buenos Aires, 1994

MURRAY SCHAFER, R. “Limpieza de oídos”, Ed. Ricordi, Buenos Aires, 1967.

PALACIOS, F. y RIVEIRO L. “Artilugios e instrumentos para hacer música”, Opera 3, Madrid, 1990

PALACIOS, F. “Escuchar”, Fundación Orquesta Filarmónica de Gran Canaria, Las Palmas de Gran Canaria, 1997.

PAYNO, L. “Juguetes infantiles e instrumentos musicales de construcción sencilla”, Castilla Ed., Valladolid, 1995.

TRANCHEFORT, F.R. “Los instrumentos musicales en el mundo”, Alianza, Madrid

WILLENS, E. “El oído musical”, Ed. Paidos, Barcelona, 1994.

http://www.geocities.com/clariperu

http://www.woodwind.org/clarinet/index.html

http://www.clarinet.org

http://www.wka.clarinet.org

 

DISCOGRAFÍA

PALACIOS F. “La mota de polvo” Orquesta Filarmónica de Gran Canaria. Dir. Adrian Leaper. Producciones AGRUPARTE, Vitoria-Gasteiz, 1997

LOS INSTRUMENTOS DE LA ORQUESTA, Audivis/Unidisc U310017

SONIDO Y OIDO, RNE

INSTRUMENTOS MUSICALES, (CD-ROM), Microsoft Corporation and Dorling Kindersley Limited, 1992-1996

ANEXOS

O texto de “La mota de polvo” en galego

Era unha vez un lonxano país no que non había nada, nada de nada: nin persoas nin cousas, nin árbores nin auga, nin formigas nin nubes, nin cores, nin chan, ... Era un lugar onde non se oía nada .... nada ... reinaba un impresionante silencio.          

            Ben, a verdade é que si había algo; un habitante, un so habitante diminuto que vivía suspenso no espacio, inmóbil, aburrido ..., mellor dito “aburrida”, porque era unha simple e solitaria mota de po.

            Aquela mota de po non coñecía outra cousa que o infinito silencio e o espacio sen horizontes polo que a pesar da súa gran lixeireza, non se podía desprazar, pois ninguén lle aprendera cómo moverse. Alí estaba soa, flotando, inmóbil, como unha araña colgada do seu invisible fío, ou como un punto nunha folla de papel, ensumida na súa monotonía.

            Un día de súpeto, notou unha estaña sensación: o aire apareceu e comezou a moverse ós poucos, a brisa desprazaba á nosa amiga cara arriba e cara abaixo. O principio producíalle un pouco de mareo, dáballe ata vértixe, pero pouco a pouco foise afacendo. E así, deste xeito, a diminuta mota de po ía describindo fermosos debuxos no espacio. Xa non era unha estática e pasiva “nota”, gracias ó movemento podía producir unha melodía.

            A brisa foi medrando e converteuse en vento que cada vez corría máis de presa e máis revolto. A mota de po arrastrada sen cesar pola corrente, aprendeu a facer caídas en picado, a subir ata as maiores alturas e a facer reviravoltas no baleiro.

            Estaba tan entretida cos seus xogos que non advirtiu que no seu país, o seu mundo de sosegamento e tranquilidade, quedaba atrás. Novas terras, moi distintas á súa, aproximábanse. O vento levouna a un lugar onde as plantas carnívoras, de gran boca e mortas de fame, miraban con apetito á despistada mota. Tivo que facer filigranas para non ser engulida por aqueles “comecocos”.

            Tamén atravesou, non sen dificultade, un espacio ateigado de nerviosas partículas que, como millóns de moscas, producían a máis absoluta confusión, ata o punto de provocar que calquera se extraviase naquel “maremagnun”.

            E a mota que seguía impulsada constantemente pola ventoeira, foi visitando outras paraxes: a dos pulgóns xigantes dando chimpos e rebotes tan altos como montañas (había que ter moito coidado para non ser pisado). Ou o chamado país do empurrón, no que todo bicho vivinte se movía a gran velocidade e a tropezóns en tódalas direccións, nunha colosal e perigosísima carrreira sen orde nen concerto.

            Por fin todo cambiou. Chegou a un lugar que lle traía lembranzas da súa terra. Foi o momento no que o vento cesou e a tranquilidade e o silencio voltaron. Pero a mota notou que non se atopaba soa: moi preto dela, unha delicada e minúscula lanuxe mirabaa fixamente mentres movía o seu corpo con suavidade e douzura. A nosa compañeira ficou maravillada ante o seductor baile da súa compañeira e tentou imitala. Comprobou que coa experiencia adquirida na súa longa viaxe xa non lle custaba tanto traballo moverse.

            Pouco tardaron en facerse compañeiras e empezar a xogar a “o que fai a nai, faino a filla”. Unha inventaba o movemento e a outra imitabao un pouco máis tarde. Despois ás dúas amigas engadíuselles un punto moi robusto que pasaba por alí e un lunar minúsculo e áxil coma un frautín. O xogo resultaba un éxito, cada punto conseguía imitar o movemento da lanuxe; todos facían o mesmo pero, como un ía tralo outro, a representación parecía unha persecución de policías e ladróns. Era como si cada punto fose contra os demais, é dicir, aquilo era un punto CONTRAPUNTO.

            De súpeto a nosa mota quedou paralizada ante a presencia dunha nova personaxe. ¡Esa si que era rara! Recordaba a un cable da luz moi tirante, ó ronsel que deixan os avións ..., era unha finísima e longa liña recta. “¡Que barbaridade!” -dixo a mota- “¡Pero si non se lle ve o principio nin a fin! ¡Sempre está igual! ¡Non vai a ningures!”. A liña que observaba a súa cara de asombro, contestoulle: “Agora estou descansando, por iso me estomballo e me estiro, pero, podo facer unha chea de cousas. Observa: podo dobrarme como un ese. Podo facer unha escaleira que suba e que baixe, e, se estou inspirada podo retorcerme de moitos xeitos, algúns deles moi bonitos. Mira, mira este”

            “É fantástico” ­contestou a mota- “¿Pero iso falo sempre soa?” “¡Non! Aquí vivimos unha morea de liñas, raias e ringleiras, eixos e aristas, esquinas. Mira, mira, por alí veñen algunhas amigas. ¿Non ves? Hainas dende moi grosas ata moi finas, dende enrugadas ata entrecortadas. Ademais, fíxate, se nos pomos de punta parecemos un pizzicato. Para saciar a túa curiosidade ímosche facer unha pequena demostración entre todas”.

            “¡Que marabilla! Tédesme impresionada, -dixo a mota-. É incrible con que facilidade podedes colocarvos de diferentes formas e cantos efectos distintos conseguides. ¿Importariavos que eu me movera entre vós a ver que tal resulta?”

            “Dacordo ­dixo a liña- pero tes que adaptarte ó que facemos nós. ¿Eh?. Ti non te preocupes, se fas algo raro xa te seguiremos. ¿Preparada?, ¿lista? ¡Pois imos aló!”

            Así pasaron horas, días, meses, anos ... sempre xogando a facer melodías, acompañamentos, contrapuntos ... era un xogo que non remataba nunca. Pero xa era demasiada actividade para a nosa querida mota. Afeita ó silencio e a quietude de antano, atopábase esgotada con esa nova vida, con tanto trafego. Ademais tiña saudade por volver ó seu país. Agora que sabía menearse con garbo podería explorar polos arredores, buscar algunhas compañeiras e explicarlle todo o que aprendera.

            Así que, non o pensou máis, tomou pulso e, axudada polas liñas que se colocaron como unha grande catapulta, saiu despedida en dirección da súa casa.

            Tivo que atravesar outra vez aqueles estraños países polos que pasou na súa viaxe de ida, pero esta vez viaos do revés e a toda velocidade.

            Por fin chegou ó seu sosegado e tranquilo territorio. De novo puido escoitar a calma e o silencio; pero era distinto que ó principio, porque se ela quería, podía moverse en calquera dirección. Era o momento perfecto para porse a inventar os máis fermosos movemento de que fora capaz. Buscaría a todas as motas de po, ós puntos dos papeis, ás manchas diminutas das paredes, ós fíos retorcidos, ás cintas e cordas ... e ensinaríaslle o entretido xogo de moverse e dobrarse con soltura para acadar bonitas figuras, melodías, cancións, sonatas, ... Pero iso xa é doutra historia. Inda que si queredes, podemos facer o daquel conto que dicía:

                        “Elas eran tres comadres e dun barrio todas tres, fixeron unha merenda para ir ó San Andrés, ¿Queredes que volo conte outra vez?” Pois o mesmo: “Unha mota en lecer aborrecía, co vento atopou a melodía e a paixón por cantar. ¿Queredes que volo volva contar?”

            Pois o mesmo. Pero agora serán o clarinete e a orquestra os que o conten desde o principio ata a fin ­en perfecta harmonía e sen deixarse nada- esta historieta que trata das aventuras dunha ínfima mota de po.

            ¿Lembrades? .... Comezaba así .... co silencio.

Selección de pinturas